RADIO.- Manu San Félix: "As Rías Baixas son unha zona bendicida pola natureza, pero tamén enferma"

Pontevedra
14 de novembro 2019

O biólogo Manu San Félix leva máis de tres décadas estudando os mares e océanos. Na súa traxectoria profesional como explorador submarino viu os escenarios máis degradados e os máis prístinos. En PontevedraViva Radio trasládanos mensaxes fundamentais para preservar o medioambiente

Manu San Félix é explorador submarino e biólogo
Manu San Félix é explorador submarino e biólogo

Manu San Félix, biólogo e explorador submarino, -o convidado nesta ocasión ao Cara a cara -, coñece moi ben a costa galega. Dela di que "é un lugar bendicido pola natureza. Se puidésemos retroceder mil anos caeríamos de costas ao ver a riqueza, a explosión de vida que había na Rías Baixas". Pero non é momento de triunfalismos porque "agora enfermou e agora é o momento de analizar, coidar e facer algo".

A situación non é exclusiva desta costa, senón en xeral dos mares e océanos que nos están enviando sinais de alerta como a 'sopa verde' do Mar Menor, a subida da temperatura das augas, aumento nas amplitudes das mareas, etc... "son avisos que nos debemos tomar moi en serio. Como alguén que empeza a enfermar e mostra síntomas clarísimos", advirte San Félix. 

Ameazas como as explotacións pesqueiras, petrolíferas, verteduras, tráficos marítimos ou especies invasoras, engade en PontevedraViva Radio que "se cambiásemos son solucionables. O que máis preocupa, porque supón un cambio como civilización, é o quecemento global".

Como biólogo recoñécese realista e optimista por natureza como pesona "temos uns problemas moi graves pero temos as solucións e estamos a tempo" aínda que ese tempo tampouco nos sobra para aplicalas.

Manu San Félix forma parte desde 2008 do proxecto 'Pristine Seas' de National Geographic e dirixiu tamén o documental ‘Salvemos o Mediterráneo’. A súa visita ás Rías Baixas responde á invitación dos concellos de Pontevedra e Vilagarcía de Arousa e Ferrovial Servizos para impartir charlas en centros educativos de ambas as dúas cidades.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora