RADIO.- Manuel Abelleira: "Cambiar a ordenación urbanística en Galicia é difícil porque é como somos"

Pontevedra
26 de outubro 2017

Máis de trescentos arquitectos de Galicia sumáronse xa á campaña de axuda cos damnificados polos incendios forestais ocorridos en Galicia este mes de outubro. Charlamos no Cara a cara de PontevedraViva Radio co presidente do Colexio de Arquitectos de Pontevedra, Manuel Abelleira, sobre a iniciativa e sobre outras cuestións de actualidade que incumben a este colectivo profesional

Manuel Abelleira, presidente do Colexio de Arquitectos de Pontevedra en PontevedraViva Radio
Manuel Abelleira, presidente do Colexio de Arquitectos de Pontevedra en PontevedraViva Radio / PontevedraViva

O Colexio de Arquitectos de Galicia está a realizar xestións coa Federación Galega de Municipios e Provincias para axudar a aqueles cidadáns que perderon bens inmobles nos últimos incendios forestais. Unha iniciativa altruísta que xurdiu dunha colexiada e que suma xa máis de trescentos arquitectos voluntarios.

Manuel Abelleira, presidente do colexio na provincia de Pontevedra lembra que "a idea é facer informes técnicos e avaliacións técnicas dos inmobles afectados, para posteriormente tomar as medidas necesarias. Aínda que existe présa para os afectados, a acción leva un tempo mínimo que tratamos de minimizar.  Os primeiros compañeiros que queren achegar a súa axuda xa o farán en breve".

Preguntado sobre a incidencia ou repercusión da ordenación urbanística en Galicia cando se producen incendios forestais, Manuel Abelleira responde que "os galegos temos unha poboación totalmente diseminada, esparexida polo territorio. Isto é difícil cambialo porque é como somos.

Outra cousa son as leis e normativas que impidan por exemplo a recualificación de chans que fosen afectados por incendios. Aí entendo que si hai que ser limitativos coa ordenación urbanística. En canto ao asentamento humano, é a nosa idiosincrasia e é moi difícil querer cambialo".

Neste Cara a cara de PontevedraViva Radio charlamos tamén sobre o proxecto de lei de contratos do sector público que acaba de aprobarse e que introduce importantes cambios nestes procedementos e na valoración dos proxectos que realizan os arquitectos. "Ata agora a administración valoraba máis o aspecto económico e nós avogamos desde hai anos por que se valore máis o traballo que realizamos".

Outro dos temas que expomos son as directrices da "Guía de cor e materiais de Galicia" que acaba de presentar a Xunta.