RADIO.- Non subestimes ás especies polinizadoras: dependes ti delas máis que elas de tí

Pontevedra
16 de outubro 2020

Enxeñeiros da Facultade de Forestais ofrecen unha guía gratuíta sobre as principais especies polinizadoras en Galicia. Uns insectos cuxa función resulta máis esencial do que se estima. Tratámolo en PontevedraViva Radio

Sergio Lamosa Balado e Manuel Viso Vázquez, enxeñeiros forestais, en PontevedraViva Radio
Sergio Lamosa Balado e Manuel Viso Vázquez, enxeñeiros forestais, en PontevedraViva Radio / Mónica Patxot

Ata que punto se está a desprezar a dependencia que os seres humanos teñen das especies polinizadoras? De que forma os incendios forestais, o excesivo uso de produtos químicos no campo, o cambio climático, ou as especies invasoras están a repercutir na pervivencia destes insectos? 

Preguntas como esta expóñense nas Conversas na Ferrería con Manuel Viso Vázquez e Sergio Lamosa Balado. Eles, como Paula Rivas Fandiño e Carolina Acuña Alonso son enxeñeiros forestais, traballan na Universidade de Vigo e editaron unha guía: 'Principais polinizadores da biodiversidade de Galicia'.

Neste traballo, que financia a Iniciativa Xove da Consellería de Traballo e Benestar, compendian de forma didáctica e sinxela ata vinte especies de polinizadoras. Pode ser unha excelente ferramenta que acompañe un paseo polas contornas naturais e axude a identificar a estes pequenos seres vivos.

A guía, como explican no podcast de PontevedraViva Radio - e que se adxunta a esta información -, pódese conseguir de forma gratuíta a través do Instagram @poligal.apis, solicitándoa no enderezo electrónico [email protected] ou tamén acudindo ao campus de Pontevedra da Universidade de Vigo.