'Voltar a Ítaca' supón varias viaxes: o que fai a fotoxornalista Alba Sotelo ao seu mar, desde a perspectiva persoal e profesional; o que fai a persoa que visita esta exposición no Pazo da Cultura; e o que pode empreder quen acepta a proposta que a autora expón con este proxecto.
Velaquí, por que non é unha exposición ao uso, unha exposición no seu concepto máis tradicional de observar simplemente.
Alba Sotelo abre a posibilidade de abrir comunicación con cada visitante á mostra a través da rede. No blogue aberto a tales efectos, cada quen pode facer chegar á autora as súas impresións, 'A súa Ítaca' como tamén o fai ela mesma. Comenta ademais en PontevedraViva Radio que o proxecto terá máis percorrido que a propia exposición unha vez que conclúa o 18 de novembro.
Como autónoma, Sotelo, atopou no proxecto municipal Pontevedra ten un Puntazo un punto de encontro con outras iniciativas creativas da capital, un lugar de comunicación e de posibilidade de xerar sinerxias. Destaca ademais a visibilidade que reporta aos participantes, así como a oportunidade de formación que igualmente comporta.