RADIO.- O teu can está a facerse maior? Podcans fala da vellez nestes animais

Pontevedra
16 de decembro 2019

O educador canino Diego Álvarez centra nesta ocasión Podcans en PontevedraViva Radio nos cans maiores. Un podcast moi didáctico para identificar como pode estar a envellecer este animal

Winchy é un can de Palleiros que pode ser adoptado
Winchy é un can de Palleiros que pode ser adoptado

Do mesmo xeito que as persoas, non todos os cans fanse maiores á mesma idade, da mesma maneira e con iguais consecuencias. Nesta edición de Podcans o educador canino Diego Álvarez explica como inflúe a xenética, a alimentación, a tensión, ou a atención veterinaria nese proceso natural.

Hai síntomas que poden indicar que o can se está facendo maior como unha perda de apetito e de peso, de pezas dentais, de pelo, aumento da sede, ou deterioración do sentido do olfacto, a vista e o oído... etc. Ademais hai enfermidades que poden producirse cando son maiores como artroses, artrites, unha síndrome de disfunción cognitiva, entre outras.

Neste programa de PontevedraViva Radio, podes quedar con consellos como realizar revisións periódicas ou como evitar o sedentarismo do animal. Non faltan as recomendacións habituais, aínda que nesta ocasión hai unha especial.

E completando, como cada quince días, a imaxe que acompaña o programa é a dun can que pode ser adoptado. Neste caso Winchy atópase tutelado pola Protectora Os Palleiros de Pontevedra. É un macho de dous anos, mestizo, sociable con cans e persoas e de gran enerxía. A persoa interesada pode chamar ao 657 02 38 31.