RADIO.-"Pasamos do quen ben te quere farate chorar ao quen ben te quere deixarate facer o que queiras"

Pontevedra
21 de novembro 2019

Convidamos a PontevedraViva Radio a alguén que participa na resolución de conflitos bélicos en Lationamérica, así como en situacións de conflito en centros educativos, algúns de mediática transcendencia. Francisco Cascón Soriano provoca coas súas palabras para facer repensar conceptos asumidos socialmente

Francisco Cascón Soriano, membro da Unesco, participa en procesos de resolución de conflitos
Francisco Cascón Soriano, membro da Unesco, participa en procesos de resolución de conflitos / Cristina Saiz

"Os conflitos non son negativos, non son malos, son inevitables, ineludibles e connaturales ás relacións humanas. A violencia é intolerable en todas as súas formas. E a violencia é a consecuencia dun conflito non recoñecido, non afrontado e non resolvido positivamente. Os conflitos foron e son panca de cambio", di o invitado a este Cara a cara.

Engade, "non me gusta nada a palabra tolerancia; ten unha carga paternalista e de soportar. Eu vou máis lonxe: defendo a intolerancia a actos, actitudes e comportamentos que son intolerables, como son as actitudes extorsionadoras, acosadoras". Tampouco cre no castigo, "e creo moito menos no non castigo".

Por se non provocaron o sufiente estas palabras. No seu ideario está: educar para a paz e para o conflito significa educar para a desobediencia: "ensinóusenos que a obediencia é unha virtude e eu replico cunha frase do italiano Lorenzo Milani quen dicía que é a máis sutil das tentacións. A obediencia non pode ser eximente da túa responsabilidade". Unha formulación que se pode aplicar a un feito tan frecuente como o bulling.

Quen nos acompaña en PontevedraViva Radio e afirma todo isto? Francisco Cascón Soriano; profesor en formación ocupacional, membro da Unesco, colaborador en másteres de varias universidades en relación á cultura da paz e que toma parte en procesos de resolución de conflitos bélicos en países latinoamericanos; así como en centros educativos para resolución de conflitos de convivencia, algúns de notable repercusión mediática.