RADIO.- Pili Amaro plasma en '12+3. Una historia real' a súa vivencia como coidadora de persoas enfermas de Alzheimer

Pontevedra
16 de novembro 2023

Esta muller pontevedresa dedicou doce anos ao coidado dos seus pais. No caso da súa nai, diagnosticada de Alzheimer. Este próximo venres 17 de novembro presenta en Afundación o libro no que reflicte a súa experiencia persoal. Charlamos con ela no podcast 'Cara a cara' de PontevedraViva Radio

Pili Amaro Cendón fala en PontevedraViva Radio do libro autobiográfico que presenta
Pili Amaro Cendón fala en PontevedraViva Radio do libro autobiográfico que presenta / Mónica Patxot

Este próximo venres 17 de novembro ás 19.30 horas na sede de Afundación de Pontevedra, (terceira planta), a pontevedresa Pili Amaro Cendón presentará '12+3. Unha historia real'. Charlamos con ela no 'Cara a Cara' do que hai dentro destas páxinas, que é a súa experiencia. Este libro comezou cunha terapia persoal, para curar á coidadora que fora. Fíxoo a modo de cartas, cartas que Pilar escribía a Pili.

Titula así porque "foron os anos que pasei ao coidado dos meus pais. Empezou en 2000 ata 2011, estes foron exclusivamente ao seu coidado; e os tres posteriores á súa morte nos que eu vinme coa dor da perda e o diagnóstico da enfermidade do coidador. Eu estou moi enfadada co Alzheimer, non llo perdoo. Faille dano aos enfermos e aos coidadores porque son os que máis sofren esta enfermidade". Foi a súa nai quen tivo esta doenza dexenerativa e o seu pai igualmente requiriu de coidados.

Antes do 2000 Pili era tamén unha muller moi activa, exerceu como delineante e algo máis dunha década nunha farmacia. Conta que practicou infinidade de deportes. Estando dedicada plenamente a atender aos seus pais implicouse na posta en marcha de AFAPO, a Asociación de Familiares de enfermos Alzheimer de Pontevedra.

Outra das súas facetas é a de voluntaria como hospitalera e membro da directiva da Asociación Amigos do Camiño Portugués a Santiago.

E falando de voluntariado, lamenta que con esta enfermidade "non hai voluntarios porque os únicos que están son os familiares e amigos do enfermo ou enferma; e quedan tan queimados que cando se produce a morte, non queren volver saber máis da enfermidade", expón durante a charla; engadindo que aínda entre a poboación rexéitase estar informado sobre o que é esta doenza ou que "se esconde".

O podcast completo pódese escoitar desde a ligazón que se adxunta e tamén escoitar e descargar desde a web de PontevedraViva Radio