RADIO.- Podcans: Como evitar que o teu can entre nunha indefensión aprendida

Pontevedra
21 de outubro 2019

Indefensión aprendida é un trastorno psicolóxico que afecta os cans e que pode ser resultado de comandos represivos ou que apelen ao medo do animal. O programa de PontevedraViva Radio explica que lles sucede e como evitar este trastorno

Sabela, atópase na Canceira de Poio e require adopción
Sabela, atópase na Canceira de Poio e require adopción

O educador canino Diego Álvarez trae para esta edición de Podcans un trastorno psicolóxico que poden ter os cans e que se denomina: indefensión aprendida. En que consiste?, por que se pode producir ese trastorno no animal?, que síntomas poden evidenciar este caso?. De maneira sinxela, con exemplos e igualmente con casos prácticos que levou, dá resposta a todas esas cuestións.

O motivo de traer ata o podcast de PontevedraViva Radio a indefensión aprendida non é casual. Diego Álvarez refire a un novo programa televisivo e mesmo outros xa coñecidos, que teñen como base o medo na educación dos cans e que carrexan como consecuencia o mencionado trastorno.

Ademais de todo isto e as seccións habituais do programa, a imaxe do animal que busca adopción é para Sabela. Ten entre sete e oito anos, socializa moi ben con outros cans e con persoas - adultos ou nenos - a socialización é boa unha vez que supera a timidez inicial.

Está castrada, non está catalogada como can potencialmente perigoso e está pendente de baixar de peso para operar un tumor. Atópase na canceira de Poio. Pódese contactar no número de teléfono 620 14 60 33 ou no mail [email protected].