RADIO.- Podcans convida a un técnico en equitación para falar de cabalos

Pontevedra
02 de novembro 2020

Aprendizaxe progresiva e respectuosa. É a máxima que comparten cans e cabalos nese proceso e na que coinciden o educador canino, Diego Álvarez e o técnico de equitación Ángel García neste Podcans de PontevedraViva Radio

Ángel García é técnico en equitación
Ángel García é técnico en equitación / PontevedraViva

Nesta edición de Podcans, o educador canino Diego Álvarez pasa a testemuña a Ángel García, técnico de equitación e propietario do Centro Lecocq de Campañó, para que fale dos cabalos; animais aos que adestra, aos que lles resolve "resabios" e cos que ensina tamén equitación.

Explica que os cabalos aprenden por repetición e comunícanse pola linguaxe corporal. En canto á súa monta, non se realiza ata que o animal ten tres ou catro anos; nos anos previos "hai un adestramento físico e mental". Do mesmo xeito que sucede con quen convive con cans, tamén cos cabalos hai que estar atentos aos sinais de estrés que poidan transmitir durante o seu adestramento ou doma; e igualmente á súa alimentación.

Anxo recomenda, en canto os xinetes, que non se monte sendo menor de cinco anos. Sabes cal é a idade media de vida dun cabalo? canto tempo requírese para saber montar?, cantas razas hai?, como se comportan uns e outros?, as respostas telas neste podcast de PontevedraViva Radio.

Aínda que nesta ocasión a atención está posta nos cabalos, Diego Álvarez mantén as súas habituais seccións; no caso da recomendación dun libro, o título escollido é 'O libro negro do veterinario' de Jutta Ziegler. E a imaxe que acompaña ao programa corresponde a Fiz, un podenco dun ano de idade, máis ou menos; cinco quilos e medio de peso, con potente instinto de caza, sociable con cans e persoas e sen castrar xa que leva pouco tempo coa Asociación Cadeliños, á que debe remitirse aquela persoa interesada na súa adopción.