RADIO.- PontevedraViva Radio amplía programación con "El club de la esquina"

Pontevedra
31 de xaneiro 2018

Un veterano programa da radio convencional trasládase a PontevedraViva Radio. "El club de la esquina", espazo conducido polo músico e xornalista Tino Domínguez, estréase este xoves 1 de febreiro ás 21.00 horas

"El Club de la esquina" estréase en PontevedraViva Radio
"El Club de la esquina" estréase en PontevedraViva Radio

Coa chegada do mes de febreiro PontevedraViva Radio amplía os seus contidos con "El club de la esquina". Esta próxima incorporación é un programa musical conducido polo músico e xornalista pontevedrés Tino Domínguez.

"El club de la esquina" é un veterano programa da radio convencional que agora dá o salto con PontevedraViva.com á radio online. Din que os vellos rockeiros nunca morren e que a boa música non ten idade; por iso "El club de la esquina" non se constrinxe a un público de idade acoutado, calquera persoa que guste de boa música ten cabida neste espazo. 

Tino Domínguez, xornalista que acaba de xubilarse recentemente desta profesión, retoma agora este proxecto e comeza a súa colaboración en PontevedraViva Radio. Ademais da súa faceta profesional, Tino Domínguez tamén é sobradamente coñecido na súa faceta de músico, como integrante dos Black Stones.

Temas nacionais e internacionais das últimas décadas. Os grandes éxitos, os míticos solistas e bandas irán conformando semana a semana "El club de la esquina". Ademais de escoitar eses fabulosos temas, o seu condutor ilustra a historia, e en ocasións ata a intrahistoria desas bandas e cancións. 

Cada xoves a partir das 22.00 horas podes seguilo na programación en streaming de PontevedraViva Radio; ou ben, escoitar ou descargar o podcast e recuperalo no momento que che conveña. Comeza, este xoves 1 de febreiro, "El club de la esquina"