Coa chegada do mes de febreiro PontevedraViva Radio amplía os seus contidos con "El club de la esquina". Esta próxima incorporación é un programa musical conducido polo músico e xornalista pontevedrés Tino Domínguez.
"El club de la esquina" é un veterano programa da radio convencional que agora dá o salto con PontevedraViva.com á radio online. Din que os vellos rockeiros nunca morren e que a boa música non ten idade; por iso "El club de la esquina" non se constrinxe a un público de idade acoutado, calquera persoa que guste de boa música ten cabida neste espazo.
Tino Domínguez, xornalista que acaba de xubilarse recentemente desta profesión, retoma agora este proxecto e comeza a súa colaboración en PontevedraViva Radio. Ademais da súa faceta profesional, Tino Domínguez tamén é sobradamente coñecido na súa faceta de músico, como integrante dos Black Stones.
Temas nacionais e internacionais das últimas décadas. Os grandes éxitos, os míticos solistas e bandas irán conformando semana a semana "El club de la esquina". Ademais de escoitar eses fabulosos temas, o seu condutor ilustra a historia, e en ocasións ata a intrahistoria desas bandas e cancións.
Cada xoves a partir das 22.00 horas podes seguilo na programación en streaming de PontevedraViva Radio; ou ben, escoitar ou descargar o podcast e recuperalo no momento que che conveña. Comeza, este xoves 1 de febreiro, "El club de la esquina"