RADIO.- Propoñémosche un scape room virtual pola Rede de Espazos Museísticos do Atlántico

Pontevedra
26 de febreiro 2021

A Rede de Espazos Museísticos do Atlántico ultima un scape room virtual polos seus centros. Alumnos de 1º e 2º de ESO poderán tomar parte da iniciativa cultural e lúdica. Charlamos en PontevedraViva Radio con participantes no desenvolvemento da iniciativa

Marga Díaz e Irene Davila nas 'Conversas na Ferrería' de PontevedraViva Radio
Marga Díaz e Irene Davila nas 'Conversas na Ferrería' de PontevedraViva Radio / Mónica Patxot

Alumnos de 1º e 2º de ESO son o público ao que vai dirixido a iniciativa cultural virtual REMA 360º que ofrece a Rede de Espazos Museísticos do Atlántico, enmarcada en Pasaporte REMA. Un proxecto para divulgar o coñecemento da cultura relacionada co mar e que nos ocupa esta vez no programa 'Conversas na Ferrería'.

Coa blogueira e colaboradora de PontevedraViva, Marga Díaz; a moza Irene Davila e Javier Davila da empresa Kendra Realidades Alternativas entramos nun scape room que discorre por estes emprazamentos culturais para coñecer non só actividade pesqueira, tamén patrimonio histórico, rural, coleccións biolóxicas ou eventos históricos como o descubrimento de América. 

A proposta, ademais de divulgativa, propón a este público unha aventura misteriosa e unha historia que resolver, como explican en PontevedraViva Radio. O contido está supervisado por especialistas en Pedagoxía, que ofrece igualmente a aprendizaxe de valores sociais. Dada a resposta de participación en REMA 360º  feita entre os centros de ESO galegos, prorrogouse a data de inscrición durante a primeira quincena de marzo.

A realización do scape room virtual exponse a modo de campionato entre Institutos. Os alumnos participantes dispoñerán do seu propio código e irán sumando puntos para o seu centro de acordo co resultado da súa experiencia. Estímase que poderá arrancar na segunda metade de marzo.