RADIO.- "...Quen serías ti, Carmela, cantada na voz do pobo?..."

Pontevedra
01 de xullo 2017

Hai moita Carmela Silva por descubrir nesta Playlist de PontevedraViva Radio, ademais da coñecida política e presidenta da Deputación de Pontevedra. Xunto ás súas preferencias musicais, vinculadas a persoas importantes na súa vida; coñecemos á viguesa rebelde, comunista, loitadora, mestra de educación especial o licenciada en Dereito Económico

Carmela Silva Rego, presidenta da Deputación, na Playlist
Carmela Silva Rego, presidenta da Deputación, na Playlist / Mónica Patxot

"...Quen serías ti, Carmela, cantada na voz do pobo?..." canta Ana Belén, recuperando unha versión da canción republicana "Ai, Carmela".

Loitadora desde o seu nacemento. Literalmente. Carmela Silva Rego era xemelga e oitomesina. Non pesaba dous quilos cando naceu, pero foi a que sobreviviu tras o parto. A pesar de ser a maior, saíalle a vea rebelde ao ver que por ser muller non lle permitían facer o mesmo que ao seu irmán.

Na madurez sobreveulle un cancro, unha etapa dura que superou con esa reiterada fortaleza. Viguesa de "a Rusia chiquita", é dicir, de Lavadores. Os seus apelidos son mestura de lucenses, pontevedreses e portugueses. Revive nesta Playlist de PontevedraViva Radio gratos recordos de infancia como os paseos familiares entre o Calvario e Coruxo, ou os veráns na aldea de Arquide, na Fonsagrada.

Hai moita Carmela Silva por descubrir tras a parte pública da deputada, asesora de Elena Espinosa, portavoz socialista no Senado, concelleira en Vigo ou presidenta da Deputación. Hai unha Carmela que foi secretaria xeral en Galicia das Mocidades Comunistas. Unha Carmela que con 14 anos compaxinaba estudos de Bacharelato con traballo, coidando nenos. Unha Carmela que sempre quixera facer Dereito "como arma para cambiar o mundo" pero que como a situación familiar non lle permitía saír de Vigo para estudar, matriculouse na Escola do Profesorado, pagando ela mesma a matrícula.

Estudando Maxisterio coñeceu a Nucho, co que casou con 19 anos. Ambos montaron unha academia que compaxinaba en etapas temporais na política, no movemento veciñal e no asociativo. Con 29 tivo ao seu fillo Iago; Iago Falque, xogador de fútbol no Torino. Foi con 40 anos, cando Dereito Económico chegou ao campus olívico e Carmela matriculouse e sacou a carreira en cinco anos. Para entón tamén sumaba outra titulación: Pedagoxía Terapeútica. "Non son un caso illado entre as mulleres da miña xeración", di.

Está convencida de que cando termine a súa función de "servidora pública" en política, volverá ser mestra de educación especial "unha profesión que me deu grandes alegrías".