RADIO.- "Queremos que as Administracións estean á altura das circunstancias e da cidadanía"

Pontevedra
24 de novembro 2020

"Estamos dispostos a perder o Nadal polo ben común; pero as Administracións teñen que estar á mesma altura do que nos piden" sinalan en  PontevedraViva Radio desde a Plataforma de Afectados polo covid Pontevedra

Jacobo Barragáns máis Esteban Pampín da Plataforma de Afectados por Covid Pontevedra
Jacobo Barragáns máis Esteban Pampín da Plataforma de Afectados por Covid Pontevedra / Mónica Patxot

Menos dunha semana despois do seu rexistro formal, a Plataforma de Afectados polo covid Pontevedra, case duplica o número de persoas que a apoian. O seu obxectivo é sumar apoios e entre todos conseguir "que as Administracións estean á altura das circunstancias e dos cidadáns" para saír adiante, sinalan Jacobo Barragáns e Esteban Pampín en PontevedraViva Radio.

Aglutinan a autónomos de múltiples sectores e igualmente a traballadores que ven perigar o seu emprego, están en ertes ou no peor dos casos perderon o seu traballo. "O sentimento xeral é de desamparo, de estar sós" é a sensación maioritaria que están a recoller nas semanas que levan de intenso traballo baixo o paraugas deste novo colectivo.

"Vimos sumar non a restar, non hai afán de protagonismo e todos buscamos un ben común, sen priorizar uns sectores a outros. Con esa idea nacemos e con esa idea seguiremos" apuntan no podcast Mentres isto dure. De feito as sinerxias que se están empezando a construír entre este tecido terciario da cidade, sería desexable e "ideal que o día de mañá servise para crear propostas conxuntas" en favor do dinamismo de Pontevedra.

Este luns participaban nunha mobilización na capital, máis que numerosa e respectuosa coas restricións sanitarias que se esixen e o vindeiro mércores 25 estarán en Santiago apoiando ás axencias de viaxes que se mobilizan na capital galega. Tamén seguirán coas caceroladas cada venres, das que "queremos agradecer a todo o mundo eses aplausos, esas palmadas e eses estamos aquí, que para nós significan moito".