RADIO.- Quince anos despois do afundimento do Prestige

Pontevedra
17 de novembro 2017

As Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio miraron esta semana aos 15 anos que se cumpren estes días do naufraxio e posterior afundimento do Prestige, dando lugar á catástrofe ambiental que provocaron as miles de toneladas que albergaba nas súas adegas.

Xosé Manuel Abraldes, José Antonio Gómez e Anxos Riveiros nas Conversas na Ferrería
Xosé Manuel Abraldes, José Antonio Gómez e Anxos Riveiros nas Conversas na Ferrería / Mónica Patxot

O 13 de novembro de 2002 comezaba o pesadelo ambiental que non se esquecerá en Galicia nin fóra de Galicia. Quince anos despois reunimos no estudo de PontevedraViva Radio a Anxos Riveiro que naquel momento foi unha das persoas que coordinou a oficina de voluntariado que puxo en marcha o Concello de Pontevedra; a José Antonio Gómez presidente da Federación Provincial de Confrarías e patrón maior de Portonovo; e a Xosé Manuel Abraldes, hoxe alcalde de Barro e entón o portavoz da plataforma Nunca Máis en Pontevedra.

Os tres coinciden que foron meses moi intensos, que por mor deste faladoiro viñéronlles á cabeza moitas imaxes "unhas de rabia e outras marabillosas grazas aos voluntarios". comezamos coa seguinte pregunta: como e onde tiveron coñecemento da presenza do Prestige na costa galega? 

José Antonio Gómez lembra que estaba na mar cando escoitou a noticia pola radio. "En principio parecía que estabamos lonxe daquel barco e non tiñamos a preocupación da xente da Costa da Morte". Xosé Manuel Abraldes viña de traballar e viu as primeiras imaxes por televisión. "As autoridades quitaban importancia a aquelo e sí viñan á mente anteriores traxedias marítimas. A preocupación fíxose máis nítida cando medios internacionais dicíannos o que estaba a pasar e o que podía suceder". Anxos Riveiro lembra que "o alcalde dixo: hai un barco por aí dando voltas que pode traer perigo. Creo que estabamos a preparar as actividades de Nadal e aquela primeira noticia nola deu el".

E cando, ao ser conscientes da traxedía que había diante, comezouse a facer algo? "Os seguintes días pouca información chegaba, pero xa nos puxemos a disposición cos medios que tivésemos para o que fixese falta", lembra Anxos. "Dábanse varias circunstancias: como se aproximaba unha desgraza para o noso país, a pasividade da administración, ver que a xente quería facer algo e había que organizalo - de feito o Concello foi o primeiro de Galicia porque viña xente de todos sitios e material de todo tipo. Sigo tendo a sensación de que non se agradeceu o suficiente a empresas, concellos e particulares todo o que se ofreceron e axudaron. Ese agradecemento aínda o teño presente porque me parece que nunca foi suficiente ese agradecemento. Tamén é un orgullo mirar atrás e ver que non fixemos as cousas tan mal".

O patrón apunta que "a xente do mar en contínuas reunións que tiñamos, solicitamos poder subir cada día un patrón naquelas avionetas que sobrevoaban a costa. O día 2 (decembro) xa vimos a zona de Cíes e Ons con manchas tremendas. O día 3 fixen unha reunión na miña confraría para saír e evitar que entrase o fuel e ás seis da madrugada eu xa estaba desbordado porque había barcos de toda a ría e todo tipo dispostos a iso".

Abraldes engade no seu caso que "ante situacións previas, o silencio da administración e vendo que o que viña era grande había que darlle resposta, un grupo de colectivos organízanse  para reivindicar unha resposta institucional correcta a aquela traxedia. Ademais da resposta de reivindicación foi a capacidade da sociedade para autoorganizarse e dar solucións por se mesma. Foi algo que dignifica a este pobo e é de agradecer a solidariedade de todo o mundo que axudou".

Ademais de múltiples aspectos relacionados con aquela catástrofe, pasando polo xuízo e as indemnizacións establecidas esta mesma semana, expómoslles con que quedan daquela experiencia en cada caso particular? Gómez di "co voluntariado, persoas de todo tipo e condición e unha imaxe que non se me esquecerá o resto dos meus días: unha parella de máis de 80 anos, moi moi humildes, achegáronseme e dixeron que pola súa idade e estado non podían saír a axudar ao mar nin ás praias, pero déronme unha bolsa dous cartóns de leite, dous quilos de arroz unha botella de aceite e outro produto que non recordo, non se me esquecerán".

A concelleira pontevedresa indica sen dúbida: "Dunha parte que ante a falta de dirección  a xente foi capaz de organizarse e doutra o profundo rancor que me provocaron  aquelas palabras de Rajoy -que estabamos a seguir desde o parque de bombeiros- dicindo que eran hilillos de plastilina e ao mesmo tempo estar a ver como a xente chegaba derrotada e sucia das praias de sacar chapapote".

Para o actual alcalde de Barro "o que representou o movemento Nunca Máis é algo que vai quedar por moitas xeracións. Esa dignidade, resposta social, organizarse... como por desgraza haberá futuras ocasións en que haxa que mostrar esa rabia, aquilo quedou acuñado e o que representou queda para mostrar a indignación cando sexa necesario".