RADIO.- S.O.S. na Playlist: Alguén sabe que é de Carminha?

Pontevedra
19 de agosto 2017

Playlist en PontevedraViva Radio desenfada, como o concerto que este venres 19 ofrecen Novidades Carminha e Familia Caamagno na praza de España e cos que falamos. Pero antes, unha chamada a calquera que poida saber algo de Carminha, a propietaria do establecemento santiagués polo que a banda se denominou así. Non é broma, Carlos Pereiro, Carlangas, manifestaba a súa preocupación en PontevedraViva Radio. Se sabes algo, podes deixar o teu comentario

Novedades Carmiña e Familia Caamagnho na Playlist de PontevedraViva Radio.
Novedades Carmiña e Familia Caamagnho na Playlist de PontevedraViva Radio. /

Novedades Carminha son unha banda coñecida en Pontevedra, o seu paso polo Surfing the Lérez, deixou no grupo un bo recordo que lles fai regresar ao escenario das festas da Peregrina con moitas ganas. Carlos Pereiro, Carlangas, voz principal e guitarra de Novedades , lémbrao nesta Playlist de PontevedraViva Radio. Seguen coa xira do seu cuarto LP "Campeones del mundo" na que o trío pasou a ser cuartero coa incorporación de Anxo Rodríguez.

A este traballo pertence o tema "Ritmo en la sangre" que calcula Pereiro, debe levar entre dous e tres millóns de reproducións. Aos quince días da súa estrea xa alcanzaba o millón.. é o que ten o sexo; e por iso precisamente é polo que llo tiraron varias veces das plataformas de difusión. Este disco "foi tamén un salto ao baleiro", di, manteñen a súa esencia pero cunha volta para seguir avanzando na súa traxectoria.

E unha chamada a quen poida coñecer a Carminha,  a propietaria da lencería santiaguesa que lles dá nome á banda: "nas festas do Apóstolo estivemos a tocar en Santiago e achegámonos a facerlle unha visita, pero non puidemos estar con ela porque nos dixeron que o comercio levaba tempo pechado. Así que non sabemos que pasa. Se alguén o sabe, que nolo faga chegar". Dito queda. 

Este mesmo sábado 19 de agosto, comparten escenario con Familia Caamagno. Ambos os integrantes coñécense, e mesmo fan gala de "fair play" nesta Playlist, recomendando mutuamente cancións do outro grupo. Lano Caamagno afirma sentirse en Pontevedra "como na nosa casa" e do resultado de anteriores actuacións conclúe que "caemos en graza" e por iso teñen numerosos "caamagniers" nesta capital. Ademais da Familia, fálanos tamén da súa alter ego "Mobles Mendoza" e non falamos de mobiliario, senón de música.