RADIO.- Traballa, canta, toca, baila, coida o medioambiente ...e pregoará as Festas de Pontevedra

Pontevedra
05 de agosto 2017

O balcón da praza de Mugartegui espéralle en sete días. Concepción Pereiro xa fixo o traballo previo, polo que o contido do seu pregón, co que abrirá as Festas da Peregrina, está xa pasando por imprenta. Algo avanza en PontevedraViva Radio esta empresaria que con 19 anos asentouse en Pontevedra. Unha das conclusións evidentes desta Playlist é que é unha muller que capaz de sacarlle tempo ao tempo

Concepción Pereiro, pregoeira das Festas da Peregrina
Concepción Pereiro, pregoeira das Festas da Peregrina / Cristina Saiz

Concepción Pereiro é a oitava de oito irmáns, tres homes e cinco mulleres. A familia deixou Melide para fincarse en Soria, dado que ao seu pai, mestre, destinárono á capital castelá. Daqueles doce anos conserva gratos recordos e tamén certo arraigamento, de feito algúns membros da familia continúan na terra que versou Antonio Machado. Con 14 regresaron a Galicia e asentáronse na Guarda. Con 19 os estudos trouxérona a Pontevedra.

E naquel momento, Pontevedra tróuxolle a Toño, o seu posterior marido, pai de Lara e Alex e compañeiro de infinidade de afeccións. Despois de traballar varios anos na Administración decidiuse xunto a dúas emprendedoras máis a montar a súa empresa, Viaxes Circe, hai 23 anos. O Concello designouna para que sexa o próximo 12 de agosto a pregoeira das Festas da Peregrina, por ser unha muller moi prolífica na participación social.

Aempe, Vaipolorío, Os Saljariteiros, Trubincos do Batán,Trépia, Os de algures, Sete Espadelas, a Sociedade Antropolóxica Galega, ... son entidades e grupos tradicionais cos que colabora. Conchi Pereiro déixanos ademais un desexo nesta Playlist de PontevedraViva Radio:  " que todo o mundo pase o mellor que poida estas Festas da Peregrina e gocen, sanamente iso si".