RADIO.- Unha década sen botellón no centro histórico

Pontevedra
12 de outubro 2017

Este verán cumpriuse unha década desde que entrase en vigor a ordenanza que prohibía o denominado "botellón" no centro histórico. Un problema de convivencia que fixo correr ríos de tinta, xerou controversia na política municipal e queixas veciñais previas. Reunimos nas Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio ao que entón era concelleiro de Seguridade Cidadá, Guillerme Vázquez, ao xefe da Policía Local, Daniel Macenlle e a presidenta da Asociación de Veciños Santa María, Pilar Señoráns

Pilar Señoráns, Daniel Macenlle e Guillerme Vázquez en PontevedraViva Radio
Pilar Señoráns, Daniel Macenlle e Guillerme Vázquez en PontevedraViva Radio / Mónica Patxot

"O que era obxectivo é que había veciños que soportaban as consecuencias do modo de relacionarse que tiñan naquel momento grupos de mozos que establecían esa convivencia no Campillo bebendo ou non bebidas alcóholicas. O que tiña claro é que eses veciños tiñan dereito a vivir con dignidade".

É a máxima da que parte Guillerme Vázquez, concelleiro de Seguridade Cidadá en Pontevedra hai dez anos e quen asumiu a responsabilidade naquel momento de erradicar o "problema de convivencia" que existía no centro histórico: el botellón.

Desprazáronse a outras cidades, estudáronse normativas que se fixeron fóra e "optamos pola única solución posible e razoable, como demostrou a realidade: facer unha ordenanza e aplicala", engade. Unha decisión que non estivo exenta de oposición e que non veu precisamente por parte dos mozos.

"Levabamos anos sufrindo a situación e ao tempo tentando concienciar aos pais, ofrecendo alternativas de lecer... pero non había forma de solucionalo. Finalmente conseguimos co Concello unha colaboración, e aínda que foi complicado conseguir o acordo de todos os partidos, penso que os veciños fixemos un importante labor", apunta a parte "sufridora" daquel momento, Pilar Señoráns, presidenta da Asociación de Veciños Santa María.

A decisión política veu acompañada do respaldo policial, non de carácter represivo, senón preventivo e informativo. Desde esta perspectiva achega a experiencia o xefe da Policía Local, Daniel Macenlle: "Chegamos a meter patrullas a pé no Campillo. Aquilo asustaba un pouco, non sabiamos como ían reaccionar. O que tiñamos claro é que non era unha reunión de delincuentes, senón de rapaces normais. Explicámoslles o que faciamos alí con dúas finalidades, evitar pelexas e as agresións ao patrimonio".  

Coa normativa en vigor e o paso do tempo evidenciouse que a conflitividade quedou en cifras ínfimas, que os veciños poden descansar, que recuperaron eses lugares do centro histórico, e que co espazo habilitado no Recinto Feiral,- denominado popularmente "botellódromo"-, a congregación de grupos de mozos tamén se reduciu ostensiblemente.

"Nos dez anos que pasaron non se alcanzaron as cen denuncias por incumprir esta norma", resume de forma ilustrativa Macenlle. 

Outro debate diferente, coinciden as tres partes, é o consumo de alcol entre menores e entre os mozos. Así o sinalan nas Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio.