Rafa Domínguez aposta por "novas ideas" en turismo e por potenciar o Camiño Portugués

Pontevedra
18 de setembro 2018

Domínguez entende que esta ruta de peregrinación é "un dos nosos grandes aliados" á hora de potenciar o turismo en Pontevedra "e non se está aproveitando o suficiente" por parte do goberno municipal

Peregrino polo Camiño portugués ao seu paso por Alba
Peregrino polo Camiño portugués ao seu paso por Alba

O portavoz do PP en Pontevedra, Rafa Domínguez, avanzou este martes que apostará por "ideas novas" para mellorar a política turística do municipio de Pontevedra, entre as cales se atopa potenciar o Camiño Portugués.

Domínguez entende que esta ruta de peregrinación é "un dos nosos grandes aliados" á hora de potenciar o turismo en Pontevedra "e non se está aproveitando o suficiente" por parte do goberno municipal.

Os populares, acompañados por representantes da asociación Amigos do Camiño Portugués, percorrerán este domingo o tramo que discorre por Pontevedra para comprobar o estado no que se atopa o traxecto, "o que nos permitirá coñecer as súas deficiencias e tamén aqueles puntos interesantes que debamos potenciar", segundo o líder do PP.

O percorrido iniciarase na parroquia de Ponte Sampaio, desde a antiga ponte romana, e transcorrerá por Tomeza, centro de Pontevedra, parroquia de Alba, para finalizar en Cerponzóns.

Rafa Domínguez explica que desde o Concello débese apoiar o Camiño Portugués impulsando puntos de interese ao longo do traxecto, mellorando as zonas polas que transcorren os peregrinos e "propoñendo iniciativas".