Rafa Domínguez culpa a Lores e o PSOE do inminente peche de Elnosa

Pontevedra
12 de xullo 2018

O novo presidente local do Partido Popular lamentou que o alcalde de Pontevedra sexa "hostil" coas empresas, antes de manter un encontro con representantes da Cámara de Comercio para coñecer as demandas do sector empresarial

Lucía Pedroso e Eduardo Barros, na Cámara de Comercio con Rafa Domínguez, do Partido Popular
Lucía Pedroso e Eduardo Barros, na Cámara de Comercio con Rafa Domínguez, do Partido Popular / PontevedraViva

Rafa Domínguez, novo presidente do Partido Popular de Pontevedra, sinalou que a "incapacidad" do BNG e do PSOE é a causante do anuncio do peche de Elnosa en Lourizán. "Vemos que 60 familias se van a la calle", indicaba o representante do PP e sinalaba que en Cantabria están "encantados" de que a firma CUF, propietaria de Elnosa, leve a cabo un investimento en Torrelavega para potenciar a distribución de cloro.

En comparación, indicou que "aquí el alcalde está encantado con que se vayan las empresas".

"No solo no creamos empresas sino que echamos a las empresas", sentenciou Domínguez durante a visita que realizaba este xoves á sede da Cámara de Comercio en Pontevedra para reunirse con dous dos seus representantes, Eduardo Barros e Lucía Pedroso.

O presidente popular cre que aínda se podería dar un xiro á situación de Elnosa "si el alcalde pusiera empeño". Pero, a continuación, calificou de "hostil" a Miguel Anxo Fernández Lores coas empresas. "Le molestan", asegurou para afirmar que cando el sexa "alcalde" estas situacións non as vai consentir.

Sobre a responsabilidade do Partido Popular neste peche, debido á ausencia de resposta por parte da Dirección Xeral de Costas mentres se atopaba no goberno de Mariano Rajoy para concederlle a prórroga, o máximo representante do PP local recoñeceu que se tiñan atrasado, pero entende que iso non quere dicir que non se puidese tomar unha decisión afirmativa en relación co mantemento da empresa cloreira en Lourizán.

Rafa Domínguez ten previsto continuar a súa rolda de conversas con outras asociacións empresariais durante ass vindeiras semanas. Despois manterá contactos co sector turístico para escoitar as propostas e as demandas dos diferentes colectivos co obxectivo de realizar un programa potente e preciso, asegurou, de cara ás vindeiras eleccións municipais.

CIDADÁNS LAMENTA O PECHE DE ELNOSA

A este respecto, a concelleira de Cidadáns, María Rey, lamentou a situación dos traballadores de Elnosa, despois de coñecerse o inminente peche da electroquímica pola caducidade da concesión de Costas que lle permite desenvolver a súa actividade na súa actual localización.

Rey entende que a empresa realizou unha "mala xestión" á hora de manterse en Pontevedra e protexer ao seu persoal e lamentou que o goberno municipal sempre apoiase a súa marcha e nunca respaldara o persoal.

"Ao final, por uns e por outros, quen o paga son os traballadores", sinalou.

Arquivado en