Rafa Domínguez culpa o Concello do atraso na apertura do paseo a Marín

Pontevedra
19 de xuño 2021

Aínda que as obras corresponden ao Ministerio para a Transición Ecolóxica, Domínguez responsabiliza ao Concello deste atraso e reclama ao goberno municipal que "axilice os trámites" para poder abrir este paseo este mesmo verán

Obras do paseo peonil a Marín
Obras do paseo peonil a Marín / Mónica Patxot

As obras do novo paseo peonil a Marín concluíron hai meses pero, ata o de agora, non se abriu á cidadanía. É a denuncia que realizou este sábado o portavoz do PP, Rafa Domínguez, que esixe a apertura deste itinerario peonil.

Aínda que as obras corresponden ao Ministerio para a Transición Ecolóxica, Domínguez responsabiliza ao Concello deste atraso e reclama ao goberno municipal que "axilice os trámites" para poder abrir este paseo este mesmo verán.

"A cidadanía non pode acceder e non sabemos o motivo", sinalou o edil popular, que apunta que "levamos meses sen ver nin un movemento no tramo que xa está terminado".

O tramo ata o nó da AP-9 está acabado e "debería ser perfectamente transitable", segundo Rafa Domínguez, que censura que o Concello "non quere explicar por que fan obras para logo mantelas pechadas".

"Se se trata dun problema burocrático, cremos que o Concello tivo o tempo suficiente como para poder emendalo", engadiu o portavoz popular.