O presidente do PP local de Pontevedra, Rafa Domínguez, pasará a formar parte do comité de dirección do partido a nivel provincial e estrearase o próximo martes nunha xuntanza en Cambados.
Habitualmente os comités de dirección realízanse na cidade de Pontevedra, pero a partir de agora trasladaranse ás diferentes comarcas e este martes estarán na sede de Cambados.
O comité de dirección é o órgano máis próximo ao presidente provincial, Alfonso Rueda. Baixo a súa dirección, xestiona e coordina as tarefas ordinarias do partido. Entre as súas funcións inclúense impulsar a actividade política na provincia, desenvolver as labores de xestión e coordinación das áreas, departamentos e organizacións locais ou velar polo adecuado desenvolvemento das actividades, entre outras.
Rafa Domínguez foi elixido presidente do Partido Popular da cidade de Pontevedra o pasado mes de xullo nun congreso que o refrendou por aclamación.