O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, acompañado polas concelleiras Pepa Pardo e Silvia Junco, mantivo un encontro con representantes dos repartidores da cidade co obxectivo de coñecer as condicións nas que realizan o seu traballo diario e as dificultades que supoñen para o seu labor as restricións de tráfico.
Sosteñen os populares que no termo municipal de Pontevedra, un centenar de persoas traballan só para plataformas de repartición a través de aplicacións.
Tanto o presidente dos populares como os repartidores acordaron traballar de maneira común para presentar un documento, que se debaterá no Pleno municipal, que recolla as principais medidas que se centren en “facilitar o seu labor diario, fundamental para outros sectores da nosa cidade, por exemplo a hostalería”.
Entre estas demandas, figura un permiso que regule o acceso destes profesionais á zona monumental, tanto para circular como para estacionar.
“A vosa tarefa é fundamental para a actividade económica da nosa cidade, xa que chegades onde ninguén máis o fai”, díxolles Domínguez, que agradeceu o traballo deste sector durante a pandemia, “de gran importancia e valor”.