"Ridícula". Así cualificou este martes o portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, a decisión de modificar sinais de estacionamento na contorna do Mercado de Abastos.
Unha medida exposta como posible solución aos problemas de convivencia nocturna nesta zona.
Para Domínguez o máis conveniente sería "reforzar a presenza policial para atallar os botellóns e altercados que se producen de madrugada, e que impiden o descanso dos veciños do centro histórico".
"Cambiar sinais de servizos non soluciona nada. O que fai falta é máis presencial policial, coordinación entre administracións e vontade política para garantir a convivencia entre o lecer nocturno e o descanso dos veciños que viven na zona monumental", afirma o representante popular.
O líder do PP local insistiu en que leva tempo alertando sobre problemas de seguridade e convivencia na zona monumental.
Por todo iso pide ao Concello que mellore a xestión en materia de seguridade, convivencia e tamén de limpeza na cidade.