Rafa Malvar será o candidato do BNG á alcaldía de Vilaboa

Vilaboa
17 de xullo 2026

Terapeuta ocupacional de profesión e cunha ampla traxectoria de implicación na vida social e cultural do municipio, sostén que Vilaboa "non pode permitirse seguir perdendo oportunidades"

Rafa Malvar (con camiseta negra), candidato do BNG á alcaldía de Vilaboa
Rafa Malvar (con camiseta negra), candidato do BNG á alcaldía de Vilaboa / BNG de Vilaboa

Con apenas 26 anos, Rafa Malvar converteuse na aposta do BNG para as eleccións municipais de 2027 en Vilaboa.

Así o decidiu a asemblea local do partido que o elixiu por unanimidade como o seu candidato á alcaldía.

Malvar, que agradeceu a confianza depositada pola militancia, asume esta responsabilidade "con ilusión, humildade e unha enorme vontade de traballar por Vilaboa".

"Non me presento para administrar a inercia", advirte o candidato nacionalista, que quere liderar un proxecto que devolva a Vilaboa "ambición, capacidade de iniciativa e confianza nas súas propias posibilidades".

Terapeuta ocupacional de profesión e cunha traxectoria de implicación na vida social e cultural do municipio, Rafa Malvar sostén que Vilaboa "non pode permitirse seguir perdendo oportunidades".

Entende que "hai que gobernar con ambición" e traballar para que o goberno municipal recupere "iniciativa, planificación e capacidade" para facer realidade proxectos que "levan demasiado tempo agardando".

Apostará por un Concello próximo, transparente e participativo, que impulse políticas para fixar poboación, mellorar os servizos públicos, apoiar o tecido asociativo, fortalecer a economía local e protexer o patrimonio natural, cultural e lingüístico.

Con respecto á súa mocidade, Malvar afirma que iso non o limita, senón que demostra que hai unha nova xeración "que quere implicarse, asumir responsabilidades e demostrar que outra maneira de facer política é posible".

A súa candidatura, destacan desde o BNG, combina ilusión, capacidade de traballo e unha visión renovadora coa experiencia acumulada polo partido ao longo de décadas de compromiso coa cidadanía de Vilaboa.

"As persoas poden ser novas, pero o proxecto ten raíces fondas, coñecemento e un equipo detrás que ofrece garantías", sentenza a formación nacionalista, que subliña que esta elección marca o inicio dunha nova etapa.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora