Rajoy insiste en utilizar a expresión "Sangenjo" durante a entrega da placa do Mérito Deportivo ao Náutico

Sanxenxo
12 de agosto 2014

O presidente do Goberno empregou ata en cinco ocasións a expresión non oficial da vila turística nun acto que se desenvolveu na tarde deste martes no Real Club Náutico de Sanxenxo ante a presenza do presidente da Xunta, a presidenta do Parlamento de Galicia e a campioa olímpica Támara Echegoyen

Rajoy entrega a Placa da Real Orden do Mérito Deportivo ao Náutico de Sanxenxo
Rajoy entrega a Placa da Real Orden do Mérito Deportivo ao Náutico de Sanxenxo / PontevedraViva
Palabras de Mariano Rajoy durante a entrega da Placa da Real Orde do Mérito Deportivo ao Náutico de Sanxenxo /

Pouco caso fixo o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, ao esforzo que os distintos gobernos que pasaron polo municipio realizaron durante as últimas décadas para manter e publicitar o termo de Sanxenxo como nome oficial da vila turística.

O máximo dirixente do goberno español decidiu utilizar, en moi poucas ocasións, "Sanxenxo" na súa oratoria e así chegou a pronunciar ata cinco veces a expresión castellanizada de "Sangenjo", ante a sorpresa dalgúns asistentes, durante o discurso ofrecido con motivo da entrega da Placa do Mérito Deportivo ao Real Club Náutico de Sanxenxo a última hora da tarde deste martes 12 nas instalacións do club.

No acto encontrábanse os principais representantes políticos do Partido Popular en Galicia e na provincia co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, á cabeza acompañado pola presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, o presidente da Deputaciónprovincial, Rafael Louzán e a alcaldesa do municipio, Catalina González.

Xunto a eles, tamén se encontraban o director xeral de Deportes da Xunta, José Ramón Lete Lasa, e a regatista campioa olímpica Támara Echegoyen que asistiron á entrega da condecoración. Pedro Campos, presidente do Náutico, recibiu este recoñecemento outorgado pola capacidade organizativa de competicións deportivas, pola traxectoria dos seus equipos e polo seu programa social.

Rajoy quixo referirse durante a súa intervención a que Sanxenxo é a súa pequena patria e a da súa familia engadindo que "para mí estar aquí siempre es extraordinario".

Nas proximidades da sede do Náutico encontrábase un grupo formado por apenas dez integrantes da Plataforma SOS Panadeira que foron desprazados polas forzas de seguridade a máis de cen metros do lugar no que se estaba a desenvolver o acto sen que se producisen incidentes. Os membros do colectivo non portaban pancartas de protesta nin tampouco empregaron ningún elemento sonoro durante o tempo en que as autoridades percorreron as instalacións.

Ao remate do evento, Mariano Rajoy someteuse á petición de numerosos mozos que querían realizar un selfie co seu teléfono móbil xunto ao presidente do Goberno.