Non foi o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, senón o seu xefe de gabinete Ismael Aznar, quen recibiu finalmente aos representantes dos comités da fábrica e das oficinas centrais de Ence Pontevedra xa que Morán estaba este martes participando nun acto electoral.
O presidente do comité, Ignacio Acuña, expresou o seu enfado por este plantón que cualificou como un acto de "covardía e irresponsabilidade" e entende que "a pesar de haber tantos postos de traballo en xogo" se non asistiu á cita "entendemos que algo quere esconder".
Ismael Aznar explicoulle ao comité de empresa que o Goberno de Mariano Rajoy outorgou a prórroga de 60 anos "sen consulta previa" á Avogacía do Estado.
Tamén indicou que a defensa do permiso para que Ence puidese seguir na ría iniciouse "de oficio", pero tras elaborarse un informe a Avogacía do Estado detectou unha posible irregularidade na prórroga para seguir operando na ría de Pontevedra ata o ano 2073.
Agora o comité de empresa estudará que accións legais poden tomar para personarse nos procesos abertos para evitar o peche da fábrica de celulosas.