O presidente do Goberno, Mariano Rajoy, concluirá os seus días de descanso nas Rías Baixas cunha visita oficial prevista para este luns á parroquia pontevedresa de Marcón, onde comprobará o avance das obras do primeiro tramo da autovía A-57.
Na axenda oficial do alcalde da capital, Miguel Anxo Fernández Lores, está previsto que tamén acuda á cita coas obras da "circunvalación de Pontevedra" que arrincaron en xaneiro de 2016 cunha cerimonia presidida por outra pontevedresa, a entón ministra de Fomento, Ana Pastor.
Durante esta ponte festiva Mariano Rajoy deixouse ver paseando por Sanxenxo e camiñando baixo a choiva pola Ruta da Pedra e da Auga.
Como vén sendo habitual, contou coa compañía do presidente da Autoridade portuaria de Marín, José Benito Suárez Costa, e nesta ocasión volvéuselles a sumar o vicepresidente da Xunta e presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda que compartiu unha foto do momento nas redes sociais.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.