Ramallo despide a promoción de oficiais da Armada

Marín
11 de xullo 2024

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, recuperou a tradición de despedir no Concello aos estudantes que rematan a súa aprendizaxe no centro castrense, nun emotivo acto celebrado no Salón de Plenos este xoves. A partir deste Día do Carme, a Armada contará con 123 novos oficiais formados en Marín

María Ramallo recibía á promoción da Escola Naval
María Ramallo recibía á promoción da Escola Naval / Concello de Marín

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, recuperou este xoves 11 a tradición de despedir no Concello aos alumnos e alumnas que rematan a súa aprendizaxe na Escola Naval, nun emotivo acto celebrado no Salón de Plenos.

A partir deste Día do Carme, a Armada contará con 123 novos oficiais que pasaron os seus anos de formación en Marín e que xa teñen asignados os seus primeiros destinos.

Ramallo destacou a importancia de retomar esta tradición, interrompida pola pandemia, subliñando que esta xeración de alumnos, que comezou en 2019, enfrontou moitas dificultades debido á situación sanitaria.

"Pasouvos de todo, pero agora poderedes ter un Día do Carme moi especial, moi importante e con toda a Escola engalanada para vós", sinalou a alcaldesa.

Durante a súa intervención, a rexedora expresou a súa gratitude e desexos de éxito aos novos oficiais: "A miña máis sinceira noraboa polo voso traballo e adicación estes anos, pero sobre todo moita sorte e ánimos para os retos que tendes por diante, xa que a vosa vocación de servizo público supón grandes sacrificios, sobre todo a nivel persoal".

No acto tamén participaron os alumnos Pablo Álvarez Gutiérrez e Francisco Manuel "Quico" García Torres, ambos naturais de Marín.

Os dous destacaron que a vila "quedará gravada na memoria dos que non son de aquí, pero xa se senten como se o foran, de xeito moito máis forte do que quedarán outros destinos nos que estaremos de paso".

A despedida concluíu coa tradicional fotografía na escalinata do Concello e a entrega dunha imaxe impresa da súa benvida, capturada cando comezaron os seus estudos en Marín. Este xesto simboliza o vínculo duradeiro entre a vila e os novos oficiais, reafirmando que "Marín sempre estará unido á vosa historia".

Este venres chega o buque-escola Juan Sebastián de Elcano, que poderá ser visitado durante os días seguintes.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora