Ramón Bataller, referente mundial en hepatoloxía, falará en Pontevedra sobre o impacto do alcohol na saúde

Pontevedra
28 de xaneiro 2026

O xefe de Hepatoloxía do Hospital Clínic de Barcelona abre este xoves 29 o ciclo "Pontevedra, quen pasa?" cunha clase maxistral no Hospital Montecelo e un debate no Liceo Casino

Ramón Bataller, hepatólogo
Ramón Bataller, hepatólogo / IDIBAPS

Este xoves, 29 de xaneiro, a Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés recibirá ao doutor Ramón Bataller, unha das figuras máis prestixiosas do mundo no ámbito da hepatoloxía e a investigación translacional.

Bataller, actual xefe do Servizo de Hepatoloxía do Hospital Clínic de Barcelona e con pasado docente en institucións de renome como a University of North Carolina ou o Pittsburgh Liver Research Center, será o encargado de inaugurar unha ambiciosa programación que conxugará a formación técnica de alto nivel coa divulgación social.

Esta iniciativa nace do servizo de Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) e do seu Grupo de Investigación IDARA, baixo o paraugas do ciclo titulado “Pontevedra, quen pasa? 6 expertos en saúde, 6 meses”.

O obxectivo é claro: achegar a excelencia científica á cidadanía e aos profesionais locais para abordar cuestións críticas de saúde pública, comezando polos riscos asociados ao consumo de alcohol.

A axenda do doutor Bataller comezará cedo no ámbito clínico. Ás 08:15 horas, o salón de actos do Hospital Montecelo acollerá a clase maxistral “Coma combater a enfermidade hepática relacionada co alcohol: unha aproximación integral”

. A sesión é de acceso libre para profesionais sanitarios, tanto do propio complexo pontevedrés como de centros externos, sen necesidade de rexistro previo.

Tras a conferencia, a organización habilitou un espazo de meet & greet entre as 09:30 e as 11:00 horas. Este encontro busca fomentar o intercambio directo de ideas e experiencias entre o experto e os profesionais locais.

Aqueles interesados en participar de forma presencial poden solicitar a súa praza a través do correo electrónico [email protected].

ENCONTRO NO LICEO CASINO

A partir das 18:30 horas, a sede social do Liceo Casino (rúa Manuel Quiroga, 21) abrirá as súas portas para o evento “Pontevedra, sabemos dar de beber a quen pasa? alcohol e saúde: unha ollada experta”.

Nesta charla-coloquio, moderada polo doutor Juan Turnes, xefe de Aparello Dixestivo do CHUP, Ramón Bataller dialogará non só co público, senón tamén con axentes sociais e representantes de Alcohólicos Anónimos.

Juan Turnes, jefe do servizo de Dixestivo do Complexo Hospitalario de Pontevedra
Juan Turnes, jefe do servizo de Dixestivo do Complexo Hospitalario de Pontevedra. PontevedraViva

A intención é abordar a problemática dende unha perspectiva humana e comunitaria.

Como peche simbólico e lúdico, a xornada rematará cun taller e unha degustación gratuíta de cócteles sen alcohol, demostrando que o lecer e a saúde poden ir da man.

A visita de Bataller é só o punto de partida dun proxecto que traerá a Pontevedra o mellor da medicina actual.

Segundo informaron dende a Área Sanitaria, o ciclo continuará en febreiro co doutor Enrique de Madaria, quen abordará a pancreatite aguda, mentres que en marzo a atención centrarase na patoloxía do fígado graxo.

A maiores desta presencialidade, o servizo de Dixestivo do CHUP tamén está a apostar pola formación dixital a través do seu Grupo de Investigación @GrupoIdara

Na súa canle de YouTube xa se poden consultar videopodcasts sobre intelixencia artificial aplicada á saúde.