Ramón Jáudenes López de Castro, decano do Colexio Provincial de Avogados de Pontevedra, é desde este luns tamén presidente do Consello da Avogacía Galega, un cargo no que substitúe a Félix Mondelo Santos.
O decano dos letrados pontevedreses foi designado como nova cara visible dos avogados galegos este luns con motivo do Pleno do Consello da Avogacía Galega, no que participaron os decanos dos sete colexios galegos e a presidenta do Consejo General de la Abogacía Española, Victoria Ortega Benito.
Jáudenes, decano do Colexio de Pontevedra desde 2011, tamén forma parte da Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación e é secretario xeral do Consejo General de la Abogacía Española.
A súa elección foi por unanimidade nun Pleno no que Luis Torres Foira, decano do Colexio de Avogados de Ferrol, foi elixido vicepresidente e Pilar López-Guerrero Vázquez, decana do Colexio da Avogacía de Ourense, foi reelixida secretaria-tesoureira.
O Consello da Avogacía Galega é unha corporación de dereito público que representa a profesión en Galicia. Aglutina e coordina os sete Colexios da Avogacía (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo) e exerce de portavoz da profesión.
Entre outras funcións, o Consello da Avogacía asume as de velar pola formación dos profesionais da avogacía e o control deontolóxico.