Ramón Pedras, 'Petete', cumpre a súa promesa co Día de Colón e será o pregoeiro da décima edición

Poio
10 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

O evento regresará o 10 de maio para a décima edición, despois de ter que aprazase en outubro polo mal tempo e de non poder celebrarse os anos anteriores pola pandemia. Catro anos despois, volve a festa a Combarro e a organización confía en 'Petete' como "o pregoeiro idóneo para unha edición moi especial"

Día de Colón 2017, en Combarro
Día de Colón 2017, en Combarro / Diego Torrado

O pontevedrés Ramón Pedras, coñecido como 'Petete' e un dos impulsores do Día de Colón de Poio, será este ano o pregoeiro da festa. 

O evento regresará o 10 de maio para celebrar a súa décima edición, despois de ter que aprazase o pasado mes de outubro polo mal tempo e de non poder celebrarse os anos anteriores pola pandemia.

Catro anos despois, volve a festa a Combarro e a organización confía en 'Petete' como "o pregoeiro idóneo para unha edición moi especial".

Desde o Concello indican que xa na primeira edición pediron a Ramón Pedras que fora o pregoeiro, pero negouse e dixo que o sería na décima edición. Agora, esa data chegou.

Antes do propio Día de Colón, entre o 22 e o 26 de abril, Petete percorrerá todos os colexios de Poio para achegar ao alumnado contacontos sobre o municipio, a teoría do Colón galego e a Casa Museo que está en Portosanto. 

Nese percorrido, estará acompañado polos colectivos Combrus, Leucoíña e Vides Novas.

O Concello de Poio lembra que continúa aberto o prazo para reservar espazo para os xantares e ceas de particulares o sábado 11 de maio. As persoas interesadas poden anotarse na Oficina de Turismo de Combarro ata o 21 de abril. 

O obxectivo é encher as rúas do centro histórico de ambiente e animación medievais, e por iso animan a veciños e visitantes a saír ás rúas e impregnar Combarro do espírito de Colón.