O alcalde de Poio, Luciano Sobral, e a concelleira de Deportes, Marga Caldas, estiveron presentes este sábado nunha xornada moi especial para o tecido deportivo local, ao reabrírense para o seu uso as instalacións deportivas da Reiboa, na parroquia de San Xoán.
Nos últimos meses a Concellería de Deportes promoveu unha actuación de calado para consolidar a este espazo como "un dos principais centros neurálxicos do tecido deportivo local".
Tal e como lembrou Caldas, o investimento superou os 200.000 euros e serviu para dotar ao campo de fútbol dunha nova superficie de céspede sintético homologada pola FIFA para a desputa de torneos oficiais.
A mellora tamén incluíu a renovación do sistema de drenaxe e de diverso material, como porterías e bandeirolas. Procedeuse tamén ao arranxo dos vestiarios e a mellorar e habilitar espazos anexos a este terreo de xogo, para os adestramentos dos integrantes do Poio Bike Club, para bicicletas BTT, así como unha pista para practicar atletismo.
"Estamos a falar dunha zona deportiva multidisciplinar que acollerá a centos de usuarios e usuarias, integrantes do clubs das nosas Escolas Deportivas que realizarán aquí os seus adestramentos e desputarán partidos de competición", aseverou Marga Caldas.