A Audiencia Provincial de Pontevedra volveu a aplicar a Lei Orgánica 10/2022 de garantía integral da liberdade sexual, a lei do 'só si é así', para rebaixar a pena nunha condena por agresión sexual. Neste caso, reduciuse de 27 a 22 anos a imposta a dous condenados dunha violación no ano 2003 en Porriño.
A sección primeira da Audiencia de Pontevedra revisou a condena, que impuxera en 2004, para dous homes por cometer dous delitos de agresión sexual, un como autor material e outro como cooperador necesario.
Os condenados violaron unha muller de 22 anos á que interceptaron en 2003 no exterior dunha discoteca de Salceda de Caselas e á que trasladaron ata unha vivenda do Porriño.
Os maxistrados acordaron substituír a pena inicial, de 27 anos, por outra de 22, 11 por cada un dos delitos de agresión sexual.
A pesar desta redución, a modificación non terá efecto algún na data fixada como límite máximo a cumprir, o 7 de maio de 2023, é dicir, non implica a excarceración inmediata dos condenados.
Ademais de por os delitos de agresión sexual, ambos foron condenados na sentenza a dous anos de prisión por cometer un delito de roubo con intimidación, pena que se mantén.
En relación coa aplicación da nova lei, os maxistrados da Audiencia explican que a simple comparación entre as penas previstas nos artigos 179 e 180.1 do Código penal, redacción vixente na data dos feitos e aplicada polo tribunal, e as penas sinaladas nos devanditos preceptos para as mesmas condutas tras a modificación "permite constatar que a agresión sexual consistente en acceso carnal por vía vaxinal, anal ou bucal, ou introdución de membros corporais ou obxectos por algunha das dúas primeiras vías, pasa a castigarse coa pena de prisión de catro a doce anos, en lugar de seis a doce anos". Engaden tamén que o subtipo agravado pola actuación conxunta de dúas ou máis persoas ou a concorrencia dunha violencia de extrema gravidade ou de actos que revistan un carácter particularmente degradante ou vejatorio pasou de castigarse coa pena de prisión de once a quince anos, á de prisión de sete a quince.
Isto motiva que decidisen reducir o límite mínimo das penas, no que afecta o suposto concreto da agresión sexual agravada, de once anos a sete anos.
Por iso, sinala que, a aplicación ao caso axuizado "pon de relevo que, se os feitos sucedesen hoxe, conforme as penas previstas tras a entrada en vigor da O 10/22, moveriámonos nunha pena de sete a quince anos, de tal maneira que o máximo da metade inferior sería de once anos".