Rebordelo quenta motores para a festa do verán e a concentración de vehículos clásicos

Cerdedo Cotobade
09 de xuño 2026

A cita celebrarase este sábado na Carballeira das Lagoas. Comezará ás 12:00 coa concentración de coches, seguirá cun xantar popular e finalizará coa actuación de Antonio Barros

Presentación da II Concentración de Coches Clásicos
Presentación da II Concentración de Coches Clásicos / Concello de Cerdedo Cotobade

A Carballeira das Lagoas, en Cerdedo-Cotobade será escenario o sábado 13 de xuño da III Festa do Verán de Rebordelo e da II Concentración de Coches Clásicos.

A programación foi presentada polo alcalde, Jorge Cubela, xunto a representantes da Asociación Veciñal Cultural San Martiño de Rebordelo, entidade organizadora da iniciativa.

Durante a presentación, o rexedor destacou o papel do movemento asociativo das parroquias e subliñou que este tipo de propostas "fortalecen a convivencia veciñal, dinamizan o rural e contribúen a proxectar a imaxe do noso concello".

A xornada comezará ás 12:00 horas coa II Concentración de Coches Clásicos, que reunirá na Carballeira a afeccionados ao motor histórico. Os participantes poderán exhibir os seus coches nun espazo habilitado para a ocasión e compartir un día de encontro ao redor desta afección. Como novidade nesta edición sortearanse agasallos.

A partir das 14:00 horas dará comezo a festa cun xantar popular composto por empanadillas, churrasco, bebida, pan, sobremesa e café. O prezo é de 18 euros por persoa.

As persoas que queiran asistir poden comprar os tickets no Bar As Lagoas, Bar O Muíño (Praia Fluvial), Casa Senra (Pazos) e Café A Chan (Carballedo), ou a través da propia asociación. É necesaria reserva previa.

As persoas que acudan con coche clásico deberán comunicalo ao formalizar a inscrición para facilitar a organización dos estacionamentos. Para participar na concentración, as inscricións poden realizarse no teléfono 699 45 27 64.

A xornada concluirá coa actuación musical de Antonio Barros.