Reclaman á Deputación axudas para protectoras e clínicas veterinarias

Pontevedra
27 de abril 2020

A Fundación Franz Weber en Galicia propuxo este luns 26 que a Deputación Provincial desenvolva varias liñas de apoio para as entidades protectoras de animais e para a profesión veterinaria ao entender que están a sufrir dificultades económicas malia ser servizos que permanecen en funcionamento

Can
Can / Víctor Muñoz

A Fundación Franz Weber en Galicia lanza un chamamento cara á Deputación de Pontevedra para reclamar liñas de apoio para as entidades protectoras de animais e para a profesión veterinaria ao entender que están a sufrir dificultades económicas, a pesar de manterse en funcionamento durante o actual estado de alarma.

Neste sentido, a organización lembra que os refuxios e protectoras da provincia continúan rescatando animais e acolléndoos. Indica que estes colectivos sufriron un recorte de ingresos ao perder socios e donativos, ademais de atoparse coa imposibilidade de realizar actividades presenciais para recadar fondos.

Tamén indica que os profesionais veterinarios están a comprobar como as restricións derivadas do confinamento debilitan os seus ingresos, malia que o Real Decreto que establece o estado de alarma permite a apertura destas clínicas de atención animal.

Por este motivo, a Fundación pide unha liña de subvencións para que as protectoras poidan adquirir alimento, vacinas e funxibles veterinarios, ademais de solicitar avais e préstamos a interese cero para que as clínicas veterinarias afronten os custos sociolaborais.

Segundo sinalan, as axudas anunciadas pola Xunta de Galicia só se aplicarán a entidades que xestionen centros autorizados e, desta forma, exclúense ás asociacións que traballan con casas de acollida, unha fórmula que está recoñecida pola Lei de Benestar Animal. A Fundación Franz Weber apunta a que esta medida deixa fóra a preto do 80% das entidades que realizan este labor de axuda aos animais.