Reclaman a eliminación inmediata das fochancas da Rúa da Santiña

Pontevedra
04 de febreiro 2020

Eva Vilaverde, concelleira de Protección Cidadá, afirma que está previsto acometer estes traballos antes do inicio da reforma integral da rúa. Residentes na zona quéixanse dos perigos de seguridade viaria que provocan estes ocos no pavimento

Rúa da Santiña, Pontevedra
Rúa da Santiña, Pontevedra / Cristina Saiz

Residentes da Rúa da Santiña manifestan o seu malestar polo estado que presenta o pavimento da calzada con numerosas fochancas. Segundo denuncian, esta situación supón un perigo para o tráfico de turismos pero, sobre todo, para ciclistas, motoristas, peóns e mesmo menores que circulan ou camiñan por esa contorna.

Segundo denuncian persoas da veciñanza, este malestar foi trasladado ao Concello pero sen que, ata o momento, se resolva a incidencia. Sinalan que unha das fochancas ten grandes dimensións ata o punto de que "parece unha piscina municipal" e a auga causa humidades nunha casa.

Por este motivo reclaman unha actuación inmediata que permita circular con seguridade por esta vía.

A concelleira Eva Vilaverde, responsable de Protección Cidadá, afirmou a PontevedraViva que está prevista a reparación dese pavimento antes de que se acometa a reforma integral da Rúa da Santiña.

A intervención integral prevista nesta rúa vai levarse a cabo desde a Avenida da Coruña ata a Rúa da Gándara. Desde o goberno local agárdase que estas obras se leven a cabo durante este 2020 coa intención de que poida estar rematada no 2021, ano de celebración do Xacobeo.