Reclaman que Restauración se adscriba á Universidade como está a suceder en Madrid

Pontevedra
23 de xuño 2016

A Plataforma pola Integración das Ensinanzas Artísticas da Universidade lamenta que dúas comunidades gobernadas polo Partido Popular manteñan distintos posicionamentos respecto ao mesmo conflito

Integrantes da Plataforma pola Integración das Artes Escénicas na Universidade
Integrantes da Plataforma pola Integración das Artes Escénicas na Universidade / PontevedraViva

A Plataforma pola Integración das Ensinanzas Artísticas na Universidade denunciou hoxe a diferenza de trato por parte de gobernos do Partido Popular á situación destes ensinos entre as que se atopan as impartidas na Escola de Restauración e Conservación de Pontevedra. Segundo expuxeron, nas últimas semanas a Comunidad de Madrid confirmou a integración destas disciplinas na Universidade, algo que levan demandando en Galicia desde 2012 sen obter apoio por parte da Consellería de Educación.

Fernando Carrera, representante da Plataforma e profesor na Escola de Restauración, denuncia os distintos criterios que mantén o Partido Popular en dúas comunidades autonómas gobernadas por eles. Por este motivo, os sindicatos CIG-Ensino, CC.OO., UXT e STEG trasladaron aos reperesentantes da Consellería na mesa sectorial este diferente tratamento. Con todo, desde a Xunta só se alega que mentres non se produza un cambio normativo, a Escola de Restauración continuará dependendo da administración autonómica. Por iso, os representantes da Plataforma pregúntanse: "será que en Madrid van ter o Grao Universitario, como propoñiamos, e os galegos non?"

Esta situación provoca que estudantes e profesores reclamen a lexitimidade do título actual dos ensinos artísticos, que no estranxeiro non alcanza a categoría de grao e impide acceder a bolsas. Por este motivo, desde a Plataforma seguen reclamando a adscrición que constitúa un paso previo á integración da Universida e anuncian que continuarán levando a cabo actos de protesta.