Recollen en Xeve un cogomelo comestible de dez quilos

Pontevedra
04 de outubro 2019

O presidente da asociación micolóxica de Pontevedra O´Bioco, Juan Castiñeira, bate o seu récord e recolle no Alto do Acibal un cogomelo pouco común na cociña galega pero que no mercado americano podería acadar un prezo de 4.000 dólares

Juan Castiñeira mostra o cogomelo de dez quilos
Juan Castiñeira mostra o cogomelo de dez quilos / PontevedraViva

O presidente da asociación micolóxica de Pontevedra  O´Bioco, Juan Castiñeira, e tamén propietario do restaurante viñoteca O´Bioco, bate o seu propio récord.

Se o ano pasado informabamos do achado dun fungo de oito quilos, nesta ocasión o descubrimento foi maior. Un cogomelo de dez quilos de peso colleitado no Alto do Acibal, en Xeve.

Segundo informa o popular micólogo, trátase dun exemplar de laetiporus sulphureus, coñecido polo nome común de galiña dos bosques, un cogomelo comestible despois do seu procesado, xa que en cru é tóxico.

Para degustar este cogomelo, hai que cocelo en auga e sal, cortado en anacos, durante media hora.

Estes son os pasos que van seguir na cociña de O´Bioco en breve. De momento, aínda o teñen exposto no local, como reclamo para curiosos e amantes dos cogomelos.

Castiñeira cóntanos máis curiosidades deste cogomelo. Trátase dun gran descoñecido na cociña galega aínda que é moi apreciado nos países anglosaxóns, chegando a alcanzar os 400 dólares o quilo en EEUU. Se facemos unha conta rápida, o exemplar colleitado en Xeve podería valer 4.000 dólares alén do Atlántico.

En O´Bioco realizáronse máis de 20 receitas diferentes con este tipo de cogomelos, moi apreciadas polos clientes.

Na Galicia costeira, atópase con facilidade porque saprofita e descompón os tocos dos Eucaliptus globulus. Hai que colleitalo de novo, xa que de maduro vólvese moi duro e cun sabor moi forte.