Recollen sinaturas contra o novo centro de Rexurdir

Pontevedra
17 de novembro 2016

Rexeitan a apertura na contorna da ponte da Barca do novo Centro de Atención Social Continuada que xestionará a ONG Rexurdir no que se prestará atención á trintena de indixentes que habitualmente viven nas rúas de Pontevedra

Un grupo de veciños recolle firmas contra o novo centro de Rexurdir
Un grupo de veciños recolle firmas contra o novo centro de Rexurdir / PontevedraViva

Un grupo de veciños da rúa do Cruceiro co apoio dalgúns pais dos colexios Doroteas e Froebel promoven unha campaña de recollida de sinaturas contra a apertura do novo Centro de Atención Social Continuada que xestionará a ONG Rexurdir no que se prestará atención a unha trintena de indixentes que habitualmente viven nas rúas de Pontevedra. 

Esta nova infraestrutura depende dos servizos sociais municipais pero a súa xestión está conveniada coa asociación Rexudir Provincial, que xa posúe un local na rúa Cruz Vermella para atender ás persoas sen fogar.

Non é un local no que os usuarios poidan pernoitar xa que se trata dun centro de día no que se habilitan aseos e duchas, roupeiro ou lavandería, así como unha cociña para dar servizo aos usuarios.

Contémplase ademais a posibilidade de que poida abrir as fins de semana para dar comidas, xa que os domingos e festivos pecha o comedor de San Francisco.

O Concello achegará 15.000 euros anuais para este novo centro, e Rexurdir, os profesionais que atenderán ás persoas que o utilicen.

Entre outros argumentos os opositores á apertura deste centro sinalan que neste mesmo núcleo atópanse dous centros educativos e unha gardería, polo que entenden que non é o sitio máis axeitado para unhas instalacións deste tipo.