Ao redor das 14.15 horas un ciclista viuse implicado nun sinistro viario na rúa José Malvar cando, segundo a asociación Pedaladas, un condutor abría a porta dun coche estacionado para saír do seu interior sen decatarse da presenza da bicicleta e golpeándoa.
Segundo o colectivo ciclista, este tipo de accidentes son perigosos se a distancia de seguridade co vehículo que transita detrás non é a suficiente e remate por atropelalo.
Por este motivo, Quique Pérez de Pedaladas alerta os usuarios de bicicleta sobre a importancia de que circulen deixando unha marxe de seguridade cos vehículos aparcados, de forma que ocupen o centro do carril nos lugares onde existen zonas de estacionamento.
Ademais, recomenda aos automobilistas que comproben previamente que non circulan bicicletas ou calquera outro vehículo preto no momento de abrir a porta do turismo. En Holanda estableceuse a regra de utilizar o brazo oposto á porta que se quere abrir. En caso de abrir a porta esquerda realizaríase coa man dereita, o que permite un maior campo de visibilidade.
A asociación Pedaladas insiste en reclamarlle ao alcalde de Pontevedra que dote á cidade de "ciclovías" nas que se incorpore un sinal de alerta nos espazos compartidos entre bicicletas e coches para reducir este tipo de accidentes.