Recoñecemento ás terrazas de Marín para comprobar se son anti Covid-19

Marín
28 de agosto 2020

A concelleira Marián Sanmartín explicou que o Concello colaborou en todo momento coa ampliación das terrazas, pero agora vai ser esixente no cumprimento das medidas que se teñen que tomar nesta cuestión, pois "é unha demanda da cidadanía e por iso faremos estas inspeccións para que se cumpra"

Inspección das terrazas de Marín
Inspección das terrazas de Marín / Concello de Marín

Os equipos técnicos do Concello de Marín e a Policía Local están a realizar unha inspección das terrazas dos locais de hostalaría para comprobar se cumpren con todas a medidas necesarias para previr a expansión da pandemia da Covid-19.

Segundo a información facilitada polo Concello, estes recoñecementos comezaron este xoves e buscan garantir o correcto cumprimento das medidas esixidas para que a actividade hostaleira poida desenvolverse de xeito seguro, tanto para o persoal traballador como para a clientela.

As inspeccións servirán para comprobar medidas como a separción entre mesas cumprindo cos protocolos actualmente vixentes e o Concello xa advirte de que aqueles hostaleiros que coloquen máis mesas das que teñen autorizadas poden recibir unha multa. 

A concelleira Marián Sanmartín explicou que o Concello colaborou en todo momento coa ampliación das terrazas, pero agora vai ser esixente no cumprimento das medidas que se teñen que tomar nesta cuestión, pois "é unha demanda da cidadanía e por iso faremos estas inspeccións para que se cumpra". 

Lembrou tamén que cando se autorizaron as ampliacións de terrazas repartíronse entre os hostaleiros uns adhesivos para recoñecer as mesas autorizadas, tanto as que xa tiñan do ano pasado como as que puideron poñer de xeito extra, polo que é necesario que as teñan ben identificadas.

As inspeccións comprobarán tamén outras cuestións relativas á ordenanza que regula a instalacións de veladores no Concello, como a prohibición de usar mesas e cadeiras con publicidade de marcas.