Recoñecemento á IXP Ribeiras do Morrazo e á viticultura familiar na clausura da Festa do Viño

Vilaboa
10 de maio 2026

Vilaboa premia a calidade das súas adegas e colleiteiros na décimo terceira edición desta cita que se desenvolveu baixo o viaduto de Riomaior

Festa do Viño de Vilaboa 2026
Festa do Viño de Vilaboa 2026 / Concello de Vilaboa

Vilaboa pon fin este domingo á XIII Festa do Viño cunha xornada marcada pola entrega de premios da cata oficial, un acto que serviu para poñer en valor o traballo técnico das adegas e a tradición dos pequenos viticultores locais.

O recinto de Riomaior rexistrou unha afluencia constante de público durante un peche de edición que combinou a degustación de produtos de proximidade con intervencións de carácter institucional e cultural.

O xurado da cata oficial determinou o palmarés deste ano, no que destacou a presenza das adegas adscritas á IXP Ribeiras do Morrazo.

Na categoría de brancos, o ouro foi para Costas de Exportación, mentres que a prata recaeu en Os Areeiros. En canto aos tintos, Os Areeiros logrou a máxima distinción e Ardán obtivo a segunda posición.

No apartado dedicado aos colleiteiros, onde compiten as producións familiares do municipio, os premios estiveron repartidos.

En viños brancos, o primeiro posto foi para Roberto da Lufiña, seguido de Antonio Juncal e Manuel Collazo Fernández. Na sección de tintos, Elisa Ruibal alzouse co primeiro premio, con Roberto da Lufiña e Martín Torres en segundo e terceiro lugar, respectivamente.

O alcalde de Vilaboa, César Poza, acompañado por membros do goberno local, sinalou durante o acto de entrega a importancia do compromiso dos produtores coa terra.

Na súa intervención, o rexedor aproveitou a presenza de representantes doutras administracións para solicitar unha maior implicación ante os efectos do cambio climático, que afectan directamente ao agro e ao mar, sectores que definen a economía do concello.

Pola súa banda, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, tamén estivo presente na chaira de Riomaior. A titular autonómica destacou a función desta cita como ferramenta de dinamización económica e como plataforma para dar a coñecer os produtos "quilómetro cero", vinculando a calidade dos viños locais cos recursos das rías galegas.

A programación do domingo contou co pregón do dúo Sobria e Serena, que ofreceu unha intervención baseada na realidade rural de Vilaboa.

O humor foi o protagonista da mañá, dando paso á actuación musical do grupo Mallou, incluída no programa +Música da Deputación de Pontevedra, que amenizou a sesión vermú.