Recoñeces estas chaves ou ferramentas? Están na Comisaría á espera do seu dono

Pontevedra
16 de xuño 2017

Un mes despois da detención e ingreso en prisión de cinco mozos pola onda de roubos en comercios e bares da cidade dos últimos meses algúns dos obxectos recuperados pola Policía Nacional nos seus domicilios seguen á espera de que aparezan os seus donos. Desde a Comisaría volven facer  un chamamento á colaboración cidadá    

Obxectos intervidos aos detidos
Obxectos intervidos aos detidos / Policía Nacional

Un mes despois da detención e ingreso en prisión de cinco mozos pola onda de roubos en comercios e bares da cidade dos últimos meses algúns dos obxectos recuperados pola Policía Nacional nos seus domicilios seguen á espera de que aparezan os seus donos. Desde a Comisaría Provincial volven facer  un chamamento á colaboración cidadá para localizalos. 

A Policía Nacional pide a axuda de todos os cidadáns que poidan recoñecer os obxectos intervidos aos supostos ladróns. Moitos deles xa non están na Comisaría porque, tras a detención e difusión de fotos, os donos apareceron, pero hai algúns dos que non teñen ningunha pista sobre a quen pertencen. 

Os axentes chaman á colaboración cidadá sobre todo para localizar aos donos das chaves localizadas, pero tamén hai ferramentas e outro tipo de obxectos como un guitarra que aparecen nas imaxes que acompañan esta información. Se alguén recoñece algún como seu, tan só ten que dirixirse á Comisaría da rúa Joaquín Costa de Pontevedra e alí poderá recollelo unha vez que acredite que é o propietario.

Os obxectos foron intervidos a cinco mozos pontevedreses de entre 19 e 27 anos que están en prisión provisional como presuntos autores de polo menos 45 roubos con forza en comercios e locais de hostalería de Pontevedra, Redondela, Vilaboa, Moaña ou Soutomaior. 

Segundo explicaron desde a Policía Nacional, nos cinco rexistros realizados nos domicilios dos cinco detidos recuperáronse un bo número de obxectos e 1.600 euros en metálico. Os cinco detidos están considerados os responsables da onda de roubos en comercios e bares da cidade rexistrada nos últimos meses e doutros delitos cometidos en zonas limítrofes desde o pasado mes de novembro.