Récord turístico no Grove, que esta ponte prevé quintuplicar a súa poboación habitual e alcanzar as 50.000 persoas

O Salnés
15 de agosto 2025
Actualizado: 18:27

A estimación realízaa o alcalde baseándose na análise do consumo diario de auga e da recollida de lixo nos primeiros días. Prevé que "posiblemente superemos con fartura" a marca de 2024

Vista aérea do Grove
Vista aérea do Grove / Turismo Rías Baixas

Durante esta ponte do 15 de agosto estímase que O Grove podería albergar a máis de 50.000 persoas, cifra que significa case quintuplicar a súa poboación habitual o resto do ano, ás portas dos 11.000 habitantes.

A estimación realízaa o alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos Rico, baseándose na análise do consumo diario de auga e da recollida de lixo durante os primeiros días de agosto.

En agosto de 2024 o Concello xa constatara un "consumo histórico de auga" e, segundo as súas estimacións, este ano "posiblemente superemos con fartura" esa marca se se confrma a tendencia.

Ademais, Cacabelos constatou que o verán xa empezou con cifras elevadas, pois durante o mes de xullo na localidade rexistrouse un consumo de auga un 20% superior ao mesmo mes do ano pasado.

O Concello prevé contrastar estas estimacións cos datos que achegue a Mancomunidade do Salnés, a partir de tecnoloxías de big data, intelixencia artificial e rexistros de telefonía móbil.

Baseándose nestas predicións, confirma que "todo apunta" a que na localidade "estamos a vivir un dos agostos con máis xente na historia dO Grove".

Así, engade que "dificilmente tivemos anos con 50.000 persoas no pobo",

O rexedor quixo facer unha reflexión sobre a magnitude do reto que afronta o municipio ante estas cifras de visitantes.

"Ter máis de 50.000 persoas no Grove significa funcionar como unha cidade media en termos de circulación, aparcadoiro, abastecemento de auga, saneamento e limpeza de rúas, ademais de garantir unha atención axeitada a todos os turistas que nos visitan", reflexiona.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora