Recta final da programación alternativa das Festas de San Xoán

Poio
27 de xuño 2020

A programación das Festas de San Xoán de Poio encara esta fin de semana o seu tramo final ofrecendo algunhas das súas iniciativas máis novidosas, entre as que se atopan actuacións e espectáculos pensados tanto para a rapazada como para os adultos, sempre e cando as condicións meteorolóxicas así o permitan

Concello de Poio
Concello de Poio / Concello de Poio

A programación das Festas de San Xoán de Poio encara esta fin de semana o seu tramo final ofrecendo algunhas das súas iniciativas máis novidosas, entre as que se atopan actuacións e espectáculos pensados tanto para a rapazada como para os adultos, sempre e cando as condicións meteorolóxicas así o permitan.

Despois de que este venres se pechasen os actos relixiosos coa misa solemne na honra de San Fructuoso, no Mosteiro de Poio, seguida dun concerto a cargo da Banda de Música de Redondela, entre outras iniciativas, o sábado é a quenda da BUMM de Meaño, que ofrecerá unha actuación na Praza do Pereiro, a partir das 13.00 horas.

Xa pola tarde, ás 20.00 horas, haberá un espectáculo de títeres a cargo de Tarabelos na Escola do Sartal, mentres que Nelson Quinteiro Producións encherá de música o Parque da Reiboa ás 21.00 horas co show #Aupá. Precisamente, será Quinteiro quen peche a programación o domingo ás oito da tarde, con outra actuación pensada para o público infantil, que leva por título As Nosas Músicas e que se desenvolverá na Praza da Granxa de Campelo.

Deste xeito, finalizará unha programación que se estendeu por toda a parroquia de San Xoán e na que a Concellería de Festexos, en colaboración co departamento de Cultura e de diferentes colectivos locais, apostou pola realización de actividades lúdicas con aforo controlado, nas que en todo momento se garantiron as medidas de seguridade e distanciamento recomendadas contra a Covid-19.

Por outra banda, o sábado tamén finalizará a campaña "Merca en Poio polo San Xoán", á que se adheriron máis de 50 establecementos do pequeno comercio local e preto de 20 locais de hostalería. En todos eles, os clientes que consumiron ou adquiriron compras por valores superiores a 10 euros (no primeiro caso) foron agasallados con merchandising.