Recta final nas obras do CEIP Daría González antes de que a Deputación o transfira á Xunta

Pontevedra
21 de novembro 2023

O CEIP Daría González, situado na Cidade Infantil Príncipe Felipe, está inmerso no proceso para o cambio de titularidade, que pasará de mans da Deputación para ser xestionado pola Xunta, que é a Administración que ten as competencias en Educación

Visita ás obras do CEIP Daría González
Visita ás obras do CEIP Daría González / Deputación de Pontevedra

As obras de mellora enerxética no Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Daría González entran na súa recta final antes de que a Deputación de Pontevedra peche o proceso para transferir a titularidade deste centro educativo á Xunta.

Este luns, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, inspeccionou a evolución destes traballos nos que o organismo provincial inviste 1,7 millóns de euros.

O CEIP Daría González, situado na Cidade Infantil Príncipe Felipe, está inmerso no proceso para o cambio de titularidade, que pasará de mans da Deputación para ser xestionado pola Xunta, que é a Administración que ten as competencias en Educación.

O presidente Luis López e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, asinaron hai unhas semanas o protocolo para iniciar os trámites desta transferencia.

Luis López destacou que "é o mellor para potenciar o funcionamento destes centros" e comprometeuse a que "a Deputación seguirá colaborando en todo o que estea na súa man para que sigan sendo unha referencia".

A reforma que se está levando a cabo consiste na substitución da cuberta, o reforzo da fachada, o cambio das carpinterías exteriores, a instalación de paneis fotovoltaicos no tellado, a reforma de dous aseos e dun cuarto de baño para facelo máis accesible, a reforma dunha sala para adaptala ás necesidades das persoas con diversidade funcional e o cambio do ascensor por outro máis accesible.

Luis López recalcou que para "o benestar dos nosos menores é algo que na Deputación preocúpanos moito" e, neste sentido, lembrou que a administración provincial segue ten actuacións en marcha no Príncipe Felipe por valor de 3,2 millóns de euros.

Segundo enumerou, ademais das obras neste colexio, a Deputación está a executar o cambio da cuberta do edificio Agarimo e do inmoble do almacén xeral do centro, a substitución das escaleiras de emerxencia da Escola Hogar e varias actuacións no campo de fútbol.