Recta final para a posta en marcha do viveiro de empresas no polígono de Barro-Meis

Barro
05 de decembro 2015

A Deputación de Pontevedra ven de aprobar a adxudicación dun contrato por valor de máis de 100.000 euros para que o viveiro de empresas do Polígono de Barro-Meis conte con mobiliario e equipamentos adecuados para comezar a funcionar

Proxecto do viveiro de empresas do polígono industrial de Barro-Meis
Proxecto do viveiro de empresas do polígono industrial de Barro-Meis / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar a adxudicación dun contrato por valor de máis de 100.000 euros para que o viveiro de empresas do Polígono de Barro-Meis conte con mobiliario e equipamentos adecuados para comezar a funcionar.

Este contrato de subministro, mediante procedemento aberto, por valor de 119.968,84 euros (IVE engadido) ten por obxectivo a compra de mesas de oficina, mesas auxiliares, electrificación, sillas, sofás, armarios, estanterías, rótulos, directorios, alfombras, percheiros, etc. para que o viveiro de empresas poida acoller, canto antes, ós emprendedores.

Neste espazo, realizaranse ademais, no marco do convenio coa Escola de Organización Industrial e na aposta que a Deputación de Pontevedra ten na creación e impulso do emprego, accións de coworking empregando a metodoloxía Lean Startup, con actuacións de formación e titorización de persoas, promovendo o traballo por conta allea e a creación de empresas.