A recuperación do treito dos Gafos na Ponte Nova estará lista no outono

Pontevedra
04 de setembro 2025

A demolición xa está executada e agora acometerase a recuperación da beira esquerda do río para crear un espazo accesible

Recuperación do treito do Gafos na Ponte Nova
Recuperación do treito do Gafos na Ponte Nova /

O Concello de Pontevedra ultima os traballos de recuperación dunha zona de estancia no río dos Gafos na zona de Ponte Nova, moi preto da súa desembocadura.

Trátase dun proxecto que inclúe a demolición dun antigo lavadoiro á altura do número 5 desa rúa e o acondicionamento de toda a parcela con espazos de sol e sombra, e de lecer dando continuidade á senda que conecta coa rúa Ramón Peña.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores visitou esta actuación acompañado do concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda, e técnicos da empresa GPD Construcións S.L. responsable da obra.

O rexedor anunciou que o acondicionamento estará finalizado no outono.

A obra que ten un custo de 43.439 euros. O proxecto recibiu unha subvención da Consellería de Medio Ambiente de 38.688 euros incluída dentro da liña para a aplicación de solucións baseadas na natureza orientadas á prevención de riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos e periurbanos.

Esta reforma dese tramo urbano dos Gafos supón intervir nun espazo de preto de 170 metros cadrados, dos que 94 están ocupados pola edificación ruinosa, de titularidade municial, que hai décadas era usada como lavadoiro e que, segundo o Concello, "non tiña ningún valor patrimonial ou arquitectónico".

De feito, son visibles na súa fachada as distintas modificacións que se lle foron facendo ao longo dos anos, incorporando ladrillo e outros elementos de nulo valor.

A demolición xa está executada e agora acometerase a recuperación da beira esquerda do río para crear un espazo accesible.

"Aquí había dúas edificacións que comprou o Concello fai xa a algúns anos", lembrou o alcalde respecto ao inmoble derrubado e ao antigo muíño "que haberá que restauralo porque forma parte do patrimonio municipal".

O alcalde destacou que "aínda que é unha obra moi pequena supón unha mellora ambiental substancial nesta zona".

Un dos aspectos crave do proxecto é a súa sustentabilidade e aproveitamento dos recursos locais, xa que todos os materiais resultantes da demolición reutilizaranse na propia obra, aplicando o concepto de "quilómetro 0". En concreto, a pedra do edificio derrubado empregarase para dar continuidade ao muro existente e levantar un novo muro de contención, o que permitirá crear un socalco con bancos para sentar e contemplar o río.

Ademais, os cascallos da demolición utilizaranse para construír unha nova senda peonil que conectará o paseo fluvial coa rúa Ramón Peña, mellorando a continuidade dos itinerarios peonís.

A obra conta cun prazo de execución de dous meses.