Recuperen os paraugas! As chuvias serán as protagonistas da fin de semana

Pontevedra
11 de xuño 2015

As temperaturas descenderon situándose arredor dos vinte graos e durante o sábado as precipitacións afectarán, sobre todo, á zona oeste de Galicia. A partir do luns, as Rías Baixas quedarán xa baixo unha influencia anticiclónica

Venda de paraugas no centro de Pontevedra
Venda de paraugas no centro de Pontevedra / PontevedraViva

Durante estes últimos días da semana, as temperaturas sufriron unha importante baixada situándose entorno aos vinte graos. Os ceos presentarán alternancia de nubes e claros en xeral durante a xornada deste venres 12. Os ventos soprarán do sudoeste, entre frouxos e moderados, tendendo a aumentar en intensidade durante a tarde.

As baixas presións permanecerán durante o sábado. Os ventos continuarán sendo do sudoeste achegando o aire frío e húmido procedente do Atlántico, segundo informa o servizo de MeteoGalicia. Desta forma, os ceos continuarán anubrados con probabilidades de chuvias durante toda a xornada. As temperaturas manteranse en torno aos vinte graos.

Ao longo do domingo, as previsións sitúan a borrasca sobre as Rías Baixas con chuvias. Os ceos presentarán unha alternancia de fases de ceos moi anubrados con outros con nubes e claros.

Durante a próxima semana, comezará a influencia anticiclónica con posibilidades dalgunha precipitación nos primeiros días pero cunha importante suba de temperaturas a medida que avance a semana situándose por enriba dos 25 graos.